Os fados contra nós

Se nos fiásemos do nosso espíritu literario teríamos que dicir que o noso grupo de lectura está tocado polo fado, o destino fatal á maneira da traxedia grega impide que nos reunamos todas e todas co libro lido. Ou non podemos máis que a metade, ou os libros non rulan, ou non todas conseguimos atacar as mesmas lectura. Portanto, aínda estamos ás voltas con Bernardo Atxaga.
Non desistimos, Obabakoak esperános e en breve estaremos aquí contando as nosas impresións.








Londres provocou moito mal. Ausencias numerosas na reunión do xoves, 23 de abril. Só Isma e Adrián deron mantido o pavillón do alumnado nese día do Libro, pero fixérono con gallardía, aportando comentarios incisivos como consumados lectores que xa son. A eles dous o mundo descrito por Carver co seu seco estilo (na acertada visión de Isma) resultoulles excesivamente abafante, sen saídas. Comentamos que, en cuestión de estilo, a poda e peneira que practicou o seu editor Gordon Lish puido agocharnos o verdadeiro autor dos seus primeiros contos, pero nos relatos de Catedral xa Carver non se mostrou tan sumiso ante as propostas de Lish. Chus recoñeceu que o degustara máis nunha segunda lectura e Natalia na dualidade Carver-Salter decantouse claramente polo primeiro, por saber apreixar instantes de realidade, captar instantes de emoción verdadeira, representar fielmente as nosas miserias e grandezas... Cando eu falei de que ambos autores plasmaban a decadencia do imperio, Natalia mostrouse en desacordo. Tiven que puntualizar que me expresara mal: debín dicir que ambos describen a ruína do soño americano ou, como hoxe titulei, o lado escuro dese soño. Pero Ismael tíñao claro desde un principio: para el Salter xa era un ídolo desde que anticipáramos a lectura de La última noche, pero agora contos como Platino, Cuánta diversión, El don o Los ojos de las estrellas viñeron reafirmar a súa admiración, sobre todo pola volta sorprendente que lles sabe dar aos finais.




Sei que non teño perdón. A reunión que paso a comentar en primeira instancia hoxe, 24 de abril, tivo lugar o pasado 2 de abril. É dicir: antes das vacacións. Despois veu Grönholm, Grönholm e máis Grönholm e non che estaba o forno para moito bolo... Impresións que lembro daquela posta en común? Sobre todo unha: encantouvos o humor de Hipólito G Navarro. Isma xa é un declarado admirador, pero creo que foi do agrado de tod@s. Contos fantasticamente surrealistas como Sucedáneo: pez volador; exercicios de estilo como A buen entendedor o ¿El tren para Irún, por favor?; relatos sorprendentes como Inconvenientes de la talla L ou birollos como Mi mujer al lado de mi mujer ( a conto desta leria aínda botamos unhas risas); historias duras como a de Los frutos más dulces... En fin, voume sentindo como esas cadeas de televisión que cando practican a contraprogramación é cando máis éxito teñen. Inicialmente estaba previsto ler só a Pisón (unha vez que descartáramos Los girasoles ciegos) e o pobre pasou sen pena nin gloria por máis que eu (usando de parapeto a Vila Matas) defendín a calidade dun conto como Siempre hay un perro al acecho e a proximidade familiar co relato La ley de la gravedad. Esta defensa simplemente mitigou un pouco o escandaloso resultado do partido: Pisón, 2 ( e iso que xogaba na casa) - Navarro, 7. E paso xa á seguinte entrada...

Entradas más recientes Entradas antiguas Inicio