Está claro que o noso grupo de lectura está condenado a ter un éxito seguido dun fracaso. A metade do grupo esqueceu a última reunión, a metade da outra metade, non leu os contos propostos... Portanto, reunión fallida. Isabel Allende e Ángeles Mastretta non emocionaros ás nosas lectoras, mais tendo en conta que a maioría non as leron, digamos que non é responsabilidade da súa literatura.
Para a próxima xuntanza temos unh nova proposta:
Obabakoak,de Bernardo Atxaga.

Secta Tizón





Confirmado: a secta Tizón conta con nov@s adept@s e algún que outro detractor. Ese culto mistérico que profesan os incondicionais de Eloy Tizón (entre os que me conto) acaba de incorporar ás súas ringleiras tres seguidoras incombustíbeis: María, Natalia e, sobre todo, Adela. Confesou que lera La vida intermitente catro veces. Tizón crea fortes adiccións. O seu lirismo abanéanos. A súa ollada consegue conmovernos. Até Ismael (o detractor que quedou a durmir co libro entre as mans) recoñece que algún conto -Escenas en un pic-nic- mesmo lle gustou. Chus mantivo unha certa equidistancia: sabe apreciar a poesía na súa prosa pero di sentirse máis recompensada con aqueles relatos (como En cualquier lugar del atlas) nos que se identifica mellor unha trama. Eu, finalmente, declarei a miña identificación xeneracional co relato Velocidad de los jardines, un canto á mocidade perdida concibido sen deixarse prender pola sensiblería.



En canto a Cristina Fernández Cubas, apenas demos afondado no seu mundo particular. Só uns poucos léramos os seus relatos. A Chus resultoulle algo monotemática e tivo a sensación de repetición. Ismael abundou nesa mesma idea, pero indicou que para el ese ambiente opresor, cheo de espazos repetidos, ten encanto. Destacou entre os que máis lle gustaran Mi hermana Elba. Eu decanteime por El ángulo del horror e La ventana del jardín.

Con certo retraso...




Pois si, con certo retraso. A resaca electoral (ou, máis ben, unha considerábel depresión) impediume dar conta da nosa última reunión. O xoves pasado analizabamos fundamentalmente os relatos de Torga e Méndez Ferrín. Se digo fundamentalmente é porque tamén incorporamos os contos La última noche (James Salter) e Los perros de Tesalónica (Kjell Askildsen). Estes dous últimos inserímolos para nos orientar sobre o gusto dos participantes de cara ás próximas lecturas. A maneira de narrar -fría, distante- do americano e do noruegués encandilou ao persoal. Así que case seguro que teremos que afondar máis nestes dous autores e, ao mesmo tempo, cobramos a seguridade de que outros, como Carver, van funcionar ben dentro do Club.

En canto aos dous autores orixinalmente propostos, tiramos as seguintes conclusións:

a) Non lles resultou especialmente dificultoso ler os orixinais portugueses de Bichos e Novos contos da montanha. Simplemente reclamaron unha maior concentración á hora da súa lectura.

b) O mundo de Torga énos moi próximo.

c) Resaltáronse contos como Nero (a tenrura), Tenorio (a fachenda), Miura (o medo) ou Repouso (a violencia). Destacouse, ademais, a percepción de que os caracteres descritos en Bichos parecen ter unha referencia inmediata en persoas concretas.

d) De Ferrín admiramos o dominio do idioma e recoñecemos o profundo alento poético da súa prosa.

e) Preguntámonos como é posíbel que un autor da súa categoría sexa un perfecto descoñecido alén das nosas fronteiras.

f) Entre todos os contos propostos do seu libro Arraianos gustaron especialmente Medias azuis e Botas de elástico. Sen embargo, custou entrar no mundo en paralelo de Adosinda horrorizada.
Para rematar entregamos as dúas próximas lecturas: Todos los cuentos (Cristina Fernández Cubas) e Velocidad de los jardines (Eloy Tizón). Trátase de dous dos máis distinguidos renovadores do conto en español a finais dos noventa. A ver se gozades con eles!

Mudanza de datas

A reunión de lectura que tíñamos programada para o 2 de Marzo fica adiada para o día 17 do mesmo mes por problemas loxísticos.
Polo que lembrade, o martes 17 de Marzo, ás 4.30 horas, reunímonos na biblioteca María Mariño do IES Virxe do Mar para falar de Ángeles Mastretta e Isabel Allende.
Boas lecturas.


Mima! Hoxe foi un non-parar. Utilizamos ao pobre Manolo Rivas como chivo expiatorio das nosas teimas particulares. Chus e mais eu tentamos unha tímida defensa, pero vímonos desde o primeiro momento superados polo "ardor guerreiro" d@s demais. Cubrimos o expediente comentando aqueles relatos que máis nos gustaran (ou que menos nos desgustaran) e pasamos ao que foi o cerne da reunión: unha longa disquisición sobre o mercadeo editorial, os intríngulis dos best-sellers, o tedioso das lecturas escolares, a ausencia dos clásicos nas recomendacións do profesorado, a tendencia xeral a se acomodar na literatura xuvenil (ou mesmo infantil)... En fin, non deixamos títere con cabeza. E, aínda que mantemos a Torga e Ferrín como próximas lecturas, decidimos incorporar o relato A última noite de James Salter e tamén vou engadir Os cans de Tesalónica de Kjell Askildsen, por probar se estes autores conectan co universo do noso club.

Vémonos mañá

Manuel Rivas espera por nós. Sen dúbida, trátase do escritor máis internacional da literatura galega actual. Traducido hoxe a moitisímas linguas, o seu avatar literario curiosamente comezou no mundo do xornalismo (no que aínda segue desde unha xanela con magníficas vistas que lle concede EL PAÍS) e no da poesía. Tardou un chisco en se decantar pola prosa, pero, cando o fixo, foi para triunfar incuestionabelmente.
O día que propuxemos esta lectura houbo (mellor dito: eu notei) un certo desencanto. Desde quen expresou que o que lera deste autor non lle gustara moito (Adela) até quen (coma min) subliñou que en ocasións lle parece excesivamente sensibleiro. Sen embargo, debo dicir que a súa relectura non me defradou en absoluto. E iso que tiña certo medo a que me caese das mans... En Que me queres, amor? hai contos redondos. O que lle dá título á colección, A lingua das bolboretas, Só por aí ou Carmiña merecen, en por si, figurar en calquera antoloxía que se prece do relato galego contemporáneo. Pero non quero anticiparme. Mañá tócavos falar a vós.

Torga e Ferrín

Por outra banda, supoño que lembraredes que, cando o outro día falabamos de Ferrín, vos comentaba que me encantaría que lle metésemos o dente a Arraianos e que se non o propuxera en primeira instancia fora por medo a que nos resultase un óso demasiado duro de rillar. Partindo de Torga, relín eses relatos esta semana e debo rectificar. Non podemos renunciar ao mellor escritor galego vivo, obxecto estes pasados días dunha homenaxe en Vigo (sempre que vexo homenaxes a escritores vivos, dáme mala espiña -malo como o demo, penso-, pois a nosa é unha sociedade que lles rende tributo ou aos mortos ou aos moi enfermos). Así que, aínda que no programa figuraba como única referencia o libro Bichos de Miguel Torga, paréceme oportuno combinar tamén algúns relatos de Novos contos da montanha, e enlazar pola raia co terríbel mundo ferriniano.






Mereceu a pena esperar, despois de darnos este longo prazo para facer a lectura, o resultado da reunión foi moito máis interesante.
Dos contos seleccionados houbo dous que nos gustaron especialmente, A esfinxe sen secreto polo misterio da personaxe principal, a fluidez na narración e o ambiente misterioso. Foi, sen dúbida, o noso preferido.
O outro foi A pantasma de Canterville. Pareceunos moi divertido, unha forma de tratar o mundo do sobrenatural con un humor ao que non estabamos afeitas. Alén diso, a linguaxe que parece sacada doutra época resultounos interesante, ainda que a algunha das lectoras lle pareceu un pouco rollo.
Aproveitamos que hoxe víramos unha obra de teatro baseada neste conto para descubrir todas as cousas da obra que non nos gustaron e as moitas do conto que si. Porque ao final, a obra non estaba mal pero deixounos un pouco decepcionadas.
Non quere dicir que os outros contos non nos gustasen, pero fixéronnos sufrir máis. O natalicio da infanta é unha historia moi cruel, contada con unha lixeireza que fai máis duro o final e O crime de lord Arthur Saville fíxonos desesperarnos un pouco por todo o que tardaban en pasar as cousas.
De forma global, podemos dicir que gostamos do libro. Pero como sempre, non só falamos deste libro, falamos da fantasía, dos seres imaxinarios, das diferencias entre ler un libro e ver a peli, do moito que nos gustan as edicións ben feitas... E de moito máis!

Para a próxima reunión, que será o 3 de Marzo, como sempre ás 16:30 na biblioteca María Mariño, vamos ler unha selección de contos de Cuentos de Eva Luna de Isabel Allende e Mujeres de ojos grandes de Ángeles Mastretta.

Isabel Allende.

A escritora Isabel Allende ten páxina oficial, polo que en vez de contarvos cousas sobre ela enviámosvos alí.

A súa literatura participa de moitas das características dese movimento coñecido como "realismo máxico", e senón o credes, vede o que di sobre os soños:

"Hay que darle importancia a los sueños, a las premoniciones, al instinto. Hay veces que, para mí, es más importante lo que soñé por la noche que lo que vi durante el día. Yo siempre he tenido esa especie de intuiciones, y tanto a mis hijos como a mis nietos, siempre los soñé antes de que nacieran."

Ángeles Mastretta.
Nunha entrevista que lle fixeron na revista Babab, Ángeles Mastretta dicia isto:

"Sólo los besos son más placenteros para los conversadores que las palabras, tal vez porque una conversación es lo más parecido a una historia de amor"

Esta cita di moito da súa paixón polas palabras, demostrada tanto nas súas novelas como nos libros de contos. Destes últimos, escollemos algúns do libro Mujeres de ojos grandes, unha verdadeira homenaxe ás mulleres que nalgún momento da súa vida saíron das normas e do que se esperaba delas.

Esperemos que os desfrutedes.


Entradas más recientes Entradas antiguas Inicio