Obrigados!!
- Por que decidiche que ías participar nunha actividade do clube de lectura do instituto?
- Sabías en que consistía un club de lectura?
- Axudouche a información que se proporcionou desde o instituto?
- Que expectativas tiñas antes de comezar?
- Cumpríronse as túas expectativas?
- Que opinas das obras propostas?
- Cal foi a que máis che gustou e por que?
- Cales dirías que son os aspectos positivos desta iniciativa?
- E os negativos?
- Que suxestións farías de cara a continuar o vindeiro curso?
- Outras propostas .

Murado entra no club con paso temesiño. Ninguén daba un peso por el e, sen embargo, superou con nota a batalla. Até o momento, da literatura galega contemporánea, só Ferrín pasara con éxito a peneira dos nosos lectores. O club soubo apreciar o retrato verídico do horror instalado ás portas da nosa casa occidental.
Etiquetas: grupo_2

Que desastre! Case un mes sen volcar comentarios das dúas últimas reunións... A verdade é que non se dá feito. En fin hoxe traballo duplo. Comezo polo que lembro da sesión na que comentabamos as lecturas de Made in Galiza (Séchu Sende) e Pájaros de América (Lorrie Moore). Aínda bo foi que non convidamos a Séchu para que nos falase da súa obra, porque a valoración foi moi negativa. Non é cousa de seguir facendo sangue. Creo que só Chus e mais eu significamos que este tipo de literatura tamén é necesario, máxime nun contexto lingüístico como o noso. En canto aos relatos seleccionados de Lorrie Moore, estivemos de acordo en que, como Carver e Salter, indaga na soidade das parellas, nos desaxustes do desexo cotián, nos reversos tenebrosos que a enfermidade impón na vida... Sempre desde unha visión claramente feminina, móstranos unha vez máis o languidecer do soño americano. Que es más de lo que puedo decir de ciertas personas; Arre, borriquito, vamos a Belén; La agencia inmobiliaria; e Gente así es la única que hay por aquí: farfullar canónico en oncología pediátrica foron os relatos seleccionados. Sen dúbida o que máis impactou foi Gente..., do que Ramón soubo ver que é un volta de torniqueta a aquel outro de Carver (Parece una tontería): o conto de Moore é, se cabe, máis dolorosamente perverso, pois non indaga tanto no fenómeno da morte do fillo, senón que nos deixa a dor suspendida da enfermidade. Tamén apreciamos o humor negro presente en contos como Que es más..., (con esa estraña relación que manteñen nai e filla) ou en La agencia inmobiliaria (a casa das pragas). O conto americano brilla con luz propia.
Etiquetas: grupo_2
Se nos fiásemos do nosso espíritu literario teríamos que dicir que o noso grupo de lectura está tocado polo fado, o destino fatal á maneira da traxedia grega impide que nos reunamos todas e todas co libro lido. Ou non podemos máis que a metade, ou os libros non rulan, ou non todas conseguimos atacar as mesmas lectura. Portanto, aínda estamos ás voltas con Bernardo Atxaga.
Non desistimos, Obabakoak esperános e en breve estaremos aquí contando as nosas impresións.
Londres provocou moito mal. Ausencias numerosas na reunión do xoves, 23 de abril. Só Isma e Adrián deron mantido o pavillón do alumnado nese día do Libro, pero fixérono con gallardía, aportando comentarios incisivos como consumados lectores que xa son. A eles dous o mundo descrito por Carver co seu seco estilo (na acertada visión de Isma) resultoulles excesivamente abafante, sen saídas. Comentamos que, en cuestión de estilo, a poda e peneira que practicou o seu editor Gordon Lish puido agocharnos o verdadeiro autor dos seus primeiros contos, pero nos relatos de Catedral xa Carver non se mostrou tan sumiso ante as propostas de Lish. Chus recoñeceu que o degustara máis nunha segunda lectura e Natalia na dualidade Carver-Salter decantouse claramente polo primeiro, por saber apreixar instantes de realidade, captar instantes de emoción verdadeira, representar fielmente as nosas miserias e grandezas... Cando eu falei de que ambos autores plasmaban a decadencia do imperio, Natalia mostrouse en desacordo. Tiven que puntualizar que me expresara mal: debín dicir que ambos describen a ruína do soño americano ou, como hoxe titulei, o lado escuro dese soño. Pero Ismael tíñao claro desde un principio: para el Salter xa era un ídolo desde que anticipáramos a lectura de La última noche, pero agora contos como Platino, Cuánta diversión, El don o Los ojos de las estrellas viñeron reafirmar a súa admiración, sobre todo pola volta sorprendente que lles sabe dar aos finais.
Etiquetas: grupo_2
Etiquetas: grupo_2
Está claro que o noso grupo de lectura está condenado a ter un éxito seguido dun fracaso. A metade do grupo esqueceu a última reunión, a metade da outra metade, non leu os contos propostos... Portanto, reunión fallida. Isabel Allende e Ángeles Mastretta non emocionaros ás nosas lectoras, mais tendo en conta que a maioría non as leron, digamos que non é responsabilidade da súa literatura.
Para a próxima xuntanza temos unh nova proposta:
Obabakoak,de Bernardo Atxaga.
Entradas más recientes Entradas antiguas Inicio





