Está claro que o noso grupo de lectura está condenado a ter un éxito seguido dun fracaso. A metade do grupo esqueceu a última reunión, a metade da outra metade, non leu os contos propostos... Portanto, reunión fallida. Isabel Allende e Ángeles Mastretta non emocionaros ás nosas lectoras, mais tendo en conta que a maioría non as leron, digamos que non é responsabilidade da súa literatura.
Para a próxima xuntanza temos unh nova proposta:
Obabakoak,de Bernardo Atxaga.

Secta Tizón





Confirmado: a secta Tizón conta con nov@s adept@s e algún que outro detractor. Ese culto mistérico que profesan os incondicionais de Eloy Tizón (entre os que me conto) acaba de incorporar ás súas ringleiras tres seguidoras incombustíbeis: María, Natalia e, sobre todo, Adela. Confesou que lera La vida intermitente catro veces. Tizón crea fortes adiccións. O seu lirismo abanéanos. A súa ollada consegue conmovernos. Até Ismael (o detractor que quedou a durmir co libro entre as mans) recoñece que algún conto -Escenas en un pic-nic- mesmo lle gustou. Chus mantivo unha certa equidistancia: sabe apreciar a poesía na súa prosa pero di sentirse máis recompensada con aqueles relatos (como En cualquier lugar del atlas) nos que se identifica mellor unha trama. Eu, finalmente, declarei a miña identificación xeneracional co relato Velocidad de los jardines, un canto á mocidade perdida concibido sen deixarse prender pola sensiblería.



En canto a Cristina Fernández Cubas, apenas demos afondado no seu mundo particular. Só uns poucos léramos os seus relatos. A Chus resultoulle algo monotemática e tivo a sensación de repetición. Ismael abundou nesa mesma idea, pero indicou que para el ese ambiente opresor, cheo de espazos repetidos, ten encanto. Destacou entre os que máis lle gustaran Mi hermana Elba. Eu decanteime por El ángulo del horror e La ventana del jardín.

Con certo retraso...




Pois si, con certo retraso. A resaca electoral (ou, máis ben, unha considerábel depresión) impediume dar conta da nosa última reunión. O xoves pasado analizabamos fundamentalmente os relatos de Torga e Méndez Ferrín. Se digo fundamentalmente é porque tamén incorporamos os contos La última noche (James Salter) e Los perros de Tesalónica (Kjell Askildsen). Estes dous últimos inserímolos para nos orientar sobre o gusto dos participantes de cara ás próximas lecturas. A maneira de narrar -fría, distante- do americano e do noruegués encandilou ao persoal. Así que case seguro que teremos que afondar máis nestes dous autores e, ao mesmo tempo, cobramos a seguridade de que outros, como Carver, van funcionar ben dentro do Club.

En canto aos dous autores orixinalmente propostos, tiramos as seguintes conclusións:

a) Non lles resultou especialmente dificultoso ler os orixinais portugueses de Bichos e Novos contos da montanha. Simplemente reclamaron unha maior concentración á hora da súa lectura.

b) O mundo de Torga énos moi próximo.

c) Resaltáronse contos como Nero (a tenrura), Tenorio (a fachenda), Miura (o medo) ou Repouso (a violencia). Destacouse, ademais, a percepción de que os caracteres descritos en Bichos parecen ter unha referencia inmediata en persoas concretas.

d) De Ferrín admiramos o dominio do idioma e recoñecemos o profundo alento poético da súa prosa.

e) Preguntámonos como é posíbel que un autor da súa categoría sexa un perfecto descoñecido alén das nosas fronteiras.

f) Entre todos os contos propostos do seu libro Arraianos gustaron especialmente Medias azuis e Botas de elástico. Sen embargo, custou entrar no mundo en paralelo de Adosinda horrorizada.
Para rematar entregamos as dúas próximas lecturas: Todos los cuentos (Cristina Fernández Cubas) e Velocidad de los jardines (Eloy Tizón). Trátase de dous dos máis distinguidos renovadores do conto en español a finais dos noventa. A ver se gozades con eles!

Entradas más recientes Entradas antiguas Inicio