
Pois si, con certo retraso. A resaca electoral (ou, máis ben, unha considerábel depresión) impediume dar conta da nosa última reunión. O xoves pasado analizabamos fundamentalmente os relatos de Torga e Méndez Ferrín. Se digo fundamentalmente é porque tamén incorporamos os contos La última noche (James Salter) e Los perros de Tesalónica (Kjell Askildsen). Estes dous últimos inserímolos para nos orientar sobre o gusto dos participantes de cara ás próximas lecturas. A maneira de narrar -fría, distante- do americano e do noruegués encandilou ao persoal. Así que case seguro que teremos que afondar máis nestes dous autores e, ao mesmo tempo, cobramos a seguridade de que outros, como Carver, van funcionar ben dentro do Club.
En canto aos dous autores orixinalmente propostos, tiramos as seguintes conclusións:
a) Non lles resultou especialmente dificultoso ler os orixinais portugueses de Bichos e Novos contos da montanha. Simplemente reclamaron unha maior concentración á hora da súa lectura.
b) O mundo de Torga énos moi próximo.
c) Resaltáronse contos como Nero (a tenrura), Tenorio (a fachenda), Miura (o medo) ou Repouso (a violencia). Destacouse, ademais, a percepción de que os caracteres descritos en Bichos parecen ter unha referencia inmediata en persoas concretas.
d) De Ferrín admiramos o dominio do idioma e recoñecemos o profundo alento poético da súa prosa.
e) Preguntámonos como é posíbel que un autor da súa categoría sexa un perfecto descoñecido alén das nosas fronteiras.
f) Entre todos os contos propostos do seu libro Arraianos gustaron especialmente Medias azuis e Botas de elástico. Sen embargo, custou entrar no mundo en paralelo de Adosinda horrorizada.
Para rematar entregamos as dúas próximas lecturas: Todos los cuentos (Cristina Fernández Cubas) e Velocidad de los jardines (Eloy Tizón). Trátase de dous dos máis distinguidos renovadores do conto en español a finais dos noventa. A ver se gozades con eles!
Etiquetas: grupo_2
Entrada más reciente Entrada antigua Inicio
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario