O lado escuro do soño americano








Londres provocou moito mal. Ausencias numerosas na reunión do xoves, 23 de abril. Só Isma e Adrián deron mantido o pavillón do alumnado nese día do Libro, pero fixérono con gallardía, aportando comentarios incisivos como consumados lectores que xa son. A eles dous o mundo descrito por Carver co seu seco estilo (na acertada visión de Isma) resultoulles excesivamente abafante, sen saídas. Comentamos que, en cuestión de estilo, a poda e peneira que practicou o seu editor Gordon Lish puido agocharnos o verdadeiro autor dos seus primeiros contos, pero nos relatos de Catedral xa Carver non se mostrou tan sumiso ante as propostas de Lish. Chus recoñeceu que o degustara máis nunha segunda lectura e Natalia na dualidade Carver-Salter decantouse claramente polo primeiro, por saber apreixar instantes de realidade, captar instantes de emoción verdadeira, representar fielmente as nosas miserias e grandezas... Cando eu falei de que ambos autores plasmaban a decadencia do imperio, Natalia mostrouse en desacordo. Tiven que puntualizar que me expresara mal: debín dicir que ambos describen a ruína do soño americano ou, como hoxe titulei, o lado escuro dese soño. Pero Ismael tíñao claro desde un principio: para el Salter xa era un ídolo desde que anticipáramos a lectura de La última noche, pero agora contos como Platino, Cuánta diversión, El don o Los ojos de las estrellas viñeron reafirmar a súa admiración, sobre todo pola volta sorprendente que lles sabe dar aos finais.

0 comentarios:

Entrada más reciente Entrada antigua Inicio