Por fin éxito na reunión

Mereceu a pena esperar, despois de darnos este longo prazo para facer a lectura, o resultado da reunión foi moito máis interesante.
Dos contos seleccionados houbo dous que nos gustaron especialmente, A esfinxe sen secreto polo misterio da personaxe principal, a fluidez na narración e o ambiente misterioso. Foi, sen dúbida, o noso preferido.
O outro foi A pantasma de Canterville. Pareceunos moi divertido, unha forma de tratar o mundo do sobrenatural con un humor ao que non estabamos afeitas. Alén diso, a linguaxe que parece sacada doutra época resultounos interesante, ainda que a algunha das lectoras lle pareceu un pouco rollo.
Aproveitamos que hoxe víramos unha obra de teatro baseada neste conto para descubrir todas as cousas da obra que non nos gustaron e as moitas do conto que si. Porque ao final, a obra non estaba mal pero deixounos un pouco decepcionadas.
Non quere dicir que os outros contos non nos gustasen, pero fixéronnos sufrir máis. O natalicio da infanta é unha historia moi cruel, contada con unha lixeireza que fai máis duro o final e O crime de lord Arthur Saville fíxonos desesperarnos un pouco por todo o que tardaban en pasar as cousas.
De forma global, podemos dicir que gostamos do libro. Pero como sempre, non só falamos deste libro, falamos da fantasía, dos seres imaxinarios, das diferencias entre ler un libro e ver a peli, do moito que nos gustan as edicións ben feitas... E de moito máis!

Para a próxima reunión, que será o 3 de Marzo, como sempre ás 16:30 na biblioteca María Mariño, vamos ler unha selección de contos de Cuentos de Eva Luna de Isabel Allende e Mujeres de ojos grandes de Ángeles Mastretta.

Isabel Allende.

A escritora Isabel Allende ten páxina oficial, polo que en vez de contarvos cousas sobre ela enviámosvos alí.

A súa literatura participa de moitas das características dese movimento coñecido como "realismo máxico", e senón o credes, vede o que di sobre os soños:

"Hay que darle importancia a los sueños, a las premoniciones, al instinto. Hay veces que, para mí, es más importante lo que soñé por la noche que lo que vi durante el día. Yo siempre he tenido esa especie de intuiciones, y tanto a mis hijos como a mis nietos, siempre los soñé antes de que nacieran."

Ángeles Mastretta.
Nunha entrevista que lle fixeron na revista Babab, Ángeles Mastretta dicia isto:

"Sólo los besos son más placenteros para los conversadores que las palabras, tal vez porque una conversación es lo más parecido a una historia de amor"

Esta cita di moito da súa paixón polas palabras, demostrada tanto nas súas novelas como nos libros de contos. Destes últimos, escollemos algúns do libro Mujeres de ojos grandes, unha verdadeira homenaxe ás mulleres que nalgún momento da súa vida saíron das normas e do que se esperaba delas.

Esperemos que os desfrutedes.


0 comentarios:

Entrada más reciente Entrada antigua Inicio